No ano 1992 creouse a Academia Galega de Seguridade, organismo autónomo de carácter administrativo, coa finalidade de desenvolver actividades formativas dirixidas á formación profesional das policías locais dos concellos de Galicia, cumprindo así o mandato constitucional (art. 148.1.22º,) que prevé a asunción de competencias en materia de policías locais polas comunidades autónomas. A súa lei de creación (Lei 4/1992, do 9 de abril) establecía tamén a posibilidade de formación dos corpos de bombeiros dos concellos de Galicia e do voluntariado para as tarefas de extinción e prevención de incendios e protección civil segundo os correspondentes convenios de colaboración.
Por mor do traspaso de competencias dos medios persoais ao servizo da administración de xustiza mediante Real Decreto 2397/1996, do 22 de novembro, fíxose necesario afrontar a formación do persoal dos corpos nacionais de médicos forenses e dos corpos xerais de funcionarios de xestión e tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial con destino nos órganos da administración de xustiza en Galicia, tendo en conta a especialidade do traballo que desenvolven, o que motivou a creación dun órgano específico responsable desta función dentro da administración da nosa comunidade.
No ano 2005 considerouse necesario aglutinar nun mesmo organismo as actividades relativas á formación e especialización do persoal dedicado ás tarefas relacionadas coas materias de xustiza e seguridade, así como da investigación e divulgación no campo xudicial e de seguridade, creándose mediante Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA) como organismo autónomo de carácter administrativo coas funcións de formación e perfeccionamento do persoal da administración de xustiza transferido á Xunta de Galicia, pero proseguindo, ademais, coas funcións que viña realizando a Academia Galega de Seguridade co persoal das policías autonómica e local, así como cos corpos de bombeiros e voluntarios de protección civil.
Sen embargo, a nova administración pronto constatou que o abano competencial do CEXESGA resultaba pouco axeitado ao mesturar nun mesmo organismo docente e investigador as actividades dirixidas aos funcionarios de xustiza con aquelas outras dirixidas aos efectivos que velan pola seguridade, polo que se fixo necesario relegar o proceso formativo do persoal xudicial transferido ao centro encargado da formación funcionarial e reservar esta academia para a instrución dos xestores da seguridade pública, con ampliación incluso dos colectivos a adiestrar.
Así, o constante crecemento da poboación carcearia e o xurdimento de novas situacións problemáticas derivadas das características dos internos, orixinarios moitos deles de contornos culturais moi variados e diferentes do noso, repercute no campo da seguridade, polo que é necesario atender á formación do persoal funcionario dos centros penitenciarios para a mellora da súa cualificación. Dado que a competencia para a formación destes funcionarios correspóndelle ao Estado, considérase útil participar na súa formación dun xeito complementario mediante a sinatura de convenios de colaboración.
Tamén o sector da seguridade privada, por mor dun espectacular incremento nos seus efectivos, demanda unha atención especial, facéndose necesario atender ás dificultades xurdidas na formación deste colectivo omnipresente en tarefas de seguridade e nas que actúa complementaria e subordinadamente coa policía, polo que se considera útil colaborar na súa formación coa Administración estatal, quen ten a competencia exclusiva nesta materia.
No ámbito da protección forestal, os axentes forestais teñen asumidas funcións de policía e custodia dos bens xurídicos da natureza forestal, polo que tamén é mester atender á formación deste colectivo encadrado na administración autonómica. Finalmente, o acollemento dos alumnos aspirantes a integrarse nas distintas escalas da que será a Policía de Galicia, cuxa inminente creación ven autorizada tanto polo Estatuto de autonomía como pola Lei de forzas e corpos de seguridade, xustificaba a transformación do centro. Ésta tivo lugar, precisamente, a través da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública.

