O/A director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública será nomeado/a por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de interior e xustiza, entre persoas con acreditados coñecementos e experiencia nas materias obxecto da actividade do centro.
Funcións:
Correspóndelle ao director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública:
1. Ter a representación ordinaria do organismo.
2. Executar os acordos do consello reitor.
3. Elaborar o anteproxecto de orzamento anual, que será posto en coñecemento do consello reitor.
4. Propoñerlle ao consello reitor o plan anual de actividades.
5. Elaborar o regulamento de réxime interior.
6. Dirixir a xestión orzamentaria, autorizar e dispoñer os gastos e ordenar os pagamentos.
7. Dirixir os servizos administrativos e exercer a xefatura de persoal da Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia.
8. Preparar a memoria de actividades para sometela ao consello reitor.
9. Expedir diplomas e certificados.
10. Homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
11. As funcións que lle poida delegar o consello reitor ou o seu presidente e aqueloutras competencias que, correspondendo á Academia Galega de Seguridade Pública, non estean atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano desta.