O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública está formado por un presidente, un vicepresidente, oito vogais e un secretario.
1. Presidente: a persoa titular da consellaría competente en materia de interior e xustiza.
2. Vicepresidente: o/a director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.
3. Vogais:
a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de interior.
b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección civil.
c) A persoa titular da dirección da Escola Galega de Administración Pública.
d) Un representante, con categoría polo menos de director xeral, do departamento competente en materia de menores.
e) Tres vogais designados pola presidencia do consello reitor entre persoas expertas e de prestixio en materias de seguridade pública.
f) Un representante dos concellos de Galicia, designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias.
A condición do vogal representante dos concellos estará vinculada á representatividade posuída, e perderase ao desaparecer esta.
4. Secretario: a persoa titular da secretaría xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, que actuará ademais como secretario do Consello Reitor.
Funcións:
1. O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública é o órgano colexiado de control, planificación e supervisión xeral da actividade do centro.
2. O consello reitor debe coñecer e aprobar:
a) As directrices xerais de actuación do organismo.
b) O plan anual de actividades.
c) A memoria das actividades do exercicio anterior.
d) O regulamento de réxime interior.
e) Os programas mínimos para o ingreso, a formación e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
f) O anteproxecto do orzamento anual da academia e as súas contas.
3. O consello reitor debe coñecer e emitir informe sobre:
a) Aquelas normas relativas ás disposicións e actos que afecten as funcións que a academia ten encomendadas nesta lei.
b) Os asuntos que o presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública sometan á súa consideración.
4. O consello reitor debe ser informado de:
a) A estrutura orgánica e o cadro de persoal da academia.
b) Os convenios de colaboración e cooperación subscritos polo seu presidente.
c) Os baremos reguladores das remuneracións das actividades docentes no caso do persoal colaborador a que se refire o artigo 15.2.
Funcionamento:
1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.
2. O consello reitor reunirase como mínimo unha vez cada ano, e en calquera caso sempre que sexa convocado polo presidente ou sexa solicitado por unha terceira parte dos seus membros.
3. O presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública poderán convocar técnicos ou especialistas ás reunións para asesoramento.