No ámbito da formación xudicial e penitenciaria e da seguridade privada:
Organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e cos ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penitenciarias e dos traballadores da seguridade privada, a través do asinamento dos oportunos convenios.
No ámbito da formación policial:
a) Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.
b) Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
c) Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.
No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:
a) Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.
b) Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais.
c) Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.
d) Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, establecéndose os convenios oportunos.
Outras funcións:
Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:
1. Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega.
2. Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.
3. Homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
4. Calquera outra que lle poida ser atribuída polas normas, de conformidade coa súa natureza.