A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) é un organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Este centro docente e investigador ten como principal misión a de contribuír a que os xestores da seguridade pública galega estean en condicións de facer fronte con éxito aos retos que a sociedade lles formula. A súa correcta formación é a mellor garantía de que o seu desempeño profesional será o axeitado. Por iso, e sobre a base da experiencia acumulada pola antiga Academia Galega de Seguridade e polo extinto Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, procedeuse a reformular algúns aspectos desta institución. A actual lei reguladora do centro introduciu significativas novidades como a creación do Consello Autonómico de Formación Continua para os empregados públicos da seguridade, a reforma da composición, funcións e funcionamento do Consello Reitor, a ampliación das funcións formativas, o establecemento de medidas de fomento ou a súa consideración como centro oficial de investigación.
Xunto ao anterior, acometeuse un proceso de reforma das instalacións para aumentar a capacidade formativa da academia e para mellorar a calidade das ensinanzas impartidas, dotándoa de elementos que garantan un maior rendemento e un mellor aproveitamento daquelas. Así mesmo, dotouse ao centro dunha nova imaxe corporativa, con novidosos elementos que o identifican e singularizan respecto doutros organismos. O principal cambio externo constitúeo o novo logotipo que aparece incorporado na nosa tamén renovada páxina web cuxo actual enderezo se corresponde co acrónimo da Academia, AGASP.
Nesta páxina, a/o internauta atopará novos servizos que, tanto na súa área pública, como, sobre todo, na súa área privada, facilitarán a súa relación coa Academia. Numerosos trámites administrativos poderanse formalizar de xeito telemático que evitarán atrasos e proporcionarán mecanismos que simplifiquen xestións tan comúns como a matriculación nos nosos cursos. Ao mesmo tempo, ponse en marcha un novo sistema de formación en liña co que se espera alcanzar unha alta porcentaxe da oferta formativa da AGASP, sen que iso supoña redución ningunha das actividades presenciais. A páxina web, polo tanto, non é só un instrumento de información a través do cal a usuaria ou usuario pode acharse ao corrente da nosa actividade docente e investigadora, senón tamén de formación e na que poderá seguir a distancia os cursos da súa elección. Finalmente, preténdese que a nosa páxina sirva de rede que una as distintas unidades da Policía local, Bombeiros, Protección civil e demais colectivos de seguridade pública. Os foros especializados que se acollen nela poden e deben servir de vínculo de unión de todo o persoal funcionario e voluntariado que dende o seu lugar de traballo ou dende o seu fogar queira en comunicar e compartir experiencias e inquietudes profesionais.
Expostas de forma sucinta as grandes liñas do proceso de reforma do organismo autonómico encargado da formación dos xestores da seguridade pública de Galicia, dámoslle a benvida á nosa páxina web e esperamos que a navegación por ela lle permita, como sinala o art. 3 da nosa lei reguladora, enriquecerse mediante a capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia.